Tuesday 14 de May de 2024

Case medio cento de pais e nais participan nuns obradoiros para facer os disfraces dos seus pequenos na gardería municipal de Brión


O desfile terá lugar o próximo xoves 4 de febreiro

A gardería municipal de Brión iniciou hoxe os preparativos de cara ao seu gran desfile de Entroido, que terá lugar o xoves 4 de febreiro. Uns preparativos que este ano teñen unha peculiaridade: son os pais e nais dos pequenos os que se encargan da elaboración dos máis de setenta disfraces de Entroido dos pequenos, feitos todos eles con materiais reciclables.

Para iso, a gardería municipal de Brión organizou uns obradoiros durante esta semana no que tomarán parte uns 45 pais e nais que, de acordo coas indicacións dos mestres da escola infantil, se encargarán de elaborar os disfraces dos pequenos. “Trátase duns obradoiros cos que buscamos implicar aos pais e nais no día a día da gardería, intercambiar impresións sobre a educación dos seus fillos e que nos propoñan cousas para poder mellorar. O ano pasado fixémolo con pais e nenos traballando xuntos, pero cando acababa o obradoiro os nenos choraban, polo que este ano optamos porque traballen os adultos xuntos en grupos de 10 ou 15 personas”, explica Dolores Campos, directora da escola infantil municipal de Brión.

Unhas nais que se amosaron moi satisfeitas coa iniciativa, tanto as primerizas como as que xa teñen participado noutras iniciativas co gallo do Nadal ou de fin de curso. A temática deste ano serán os animais, polo que se están a facer disfraces de abellas, mariquitas e dálmatas, que serán lucidos polos cativos durante o desfile e a festa de disfraces do próximo xoves 4 de febreiro.